Boris III de Bulgaria

Boris III de Bulgaria (en búlgaro: Борис III), nado en Sofía o 30 de xaneiro de 1894 e finado na mesma cidade o 28 de agosto de 1943, foi o penúltimo tsar de Bulgaria. Foi un monarca moi popular entre os seus súbditos, ademais dunha das figuras clave nos Balcáns durante o período de entreguerras e a segunda guerra mundial. Era o fillo máis vello do tsar Fernando I e accedeu ao trono tras a abdicación do seu pai, acusado de levar a Bulgaria á derrota na Primeira guerra mundial. Asumiu, con só 24 anos, o goberno dun estado arruinado, ao bordo do caos e dividido entre os extremistas de esquerda e dereita. A pesar dos seus esforzos por estabilizar a vida política do seu país, Boris non puido contra o autoritarismo dos seus primeiros ministros Aleksandr Stamboliskii e Aleksandr Tsankov. Boris foi un filántropo, que adoitaba viaxar polo país para axudar á poboación máis necesitada. Tamén visitou outros países en pro de mellorar a imaxe de Bulgaria tras a primeira guerra mundial. Foi durante un destes viaxes cando coñeceu á princesa Xoana de Savoia, con quen casou en 1930. En 1934, a depresión económica e os conflitos políticos levaron a un golpe militar organizado e liderado por oficiais do Zveno, que instauraron un réxime ditatorial coa idea de establecer unha república. Boris recuperou o control ao ano seguinte e, para evitar unha nova crise política, impuxo ao país unha ditadura. Contrario aos métodos brutais dos réximes totalitarios, Boris intentou en balde aproximarse ás democracias occidentais, pero a indiferenza internacional o levou a estreitar relacións coa Alemaña nazi. Como pacifista convencido, intentou manterse neutral durante a segunda guerra mundial; pero, en 1941, co exército alemán na fronteira búlgara, o monarca viuse obrigado a aliñarse co Eixo. A pesar da alianza formal, non participou militarmente no conflito e negouse a deportar os xudeus cara a Alemaña. En 1943, dúas semanas despois dunha reunión con Adolf Hitler, Boris morreu en estrañas circunstancias. Foi sucedido polo seu fillo Simeón.


Developed by StudentB